A noite víase clara e despexada e aínda nin se adiviñaban os
primeiros raios de sol da mañá. Clara, de 24 anos, volve do seu
traballo como camareira nunha discoteca local dunha cidade do país. Esta a
punto de prender un pitillo cando dobra a esquina un home duns trinta e moitos anos, mal barbeado e cun aspecto bastante lamentable. Tropeza coa
moza, botándolle o cigarro ao chan. A rapaza recupera o cigarro e érguese, só
para atoparse coa mirada de terror do home.
-Os mariachis!- balbuceaba.-pero se hai alguén non se
atreverán a vir... si...
Clara conclúe que o tipo non debía estar moi ben da olla.
Alónxase a paso rápido, e o home axiña vai detrás dela.
-Agarda, por favor!! Vanme matar a min tamén!!
Clara aperta máis o paso, tentando desfacerse do seu
perseguidor, mais este non desiste mentres chama por ela coma un meniño, ata
que comezou a saloucar. A rapaza parase, quizais sente pena polo home, ou
quizais pensa que é mellor seguirlle a corrente ata que poida chamar á
policía. De todas formas, Clara pregúntalle ao home que era todo aquilo dos
mariachis, pregunta da que axiña se arrepinte.
-Son os mariachis!- dixo o home, visiblemente axitado cada
vez que pronunciaba a palabra. Botou unha ollada nerviosa aos lados e
continuou.-Mataron á miña muller e agora veñen por min!! Ten que
axudarme!!-efectivamente, o tipo estaba completamente ido. Sabe Cristo que
tomou. Ou que non tomou.
-Pero a ver home, se é certo iso vostede ten que chamar á
policía inmediatamente.- dixo Clara intentando soar o máis seria posible.
-Non! Policía non!- dixo o home visiblemente asustado.-Esta
chea deses malditos mexicanos. Están por todas partes!
Ademais de tolo, racista, pensou Clara. Era mellor ir a un
sitio con máis xente, isto comezaba a tornarse perigoso e o tipo non tiña visos
de marchar.
-Oia, e se imos tomar un café a ese bar que acaba de abrir,
a ver si se calma un pouco?- xa eran as seis e media da mañá e o sol comezaba a
despuntar, reflictíndose nas baldosas beige e granate apagado, case marrón, da
solitaria rúa. En pouco tempo comezarían a vir os autobuses e Clara podería
marchar para casa, onde non tería que escoitar tolerías sobre mariachis e
asasinatos. Entran no bar, a persiana da porta está a medio subir e o dono
aínda nin acendeu a cafeteira. O camareiro duns corenta e poucos anos, sae da
cociña ao darse conta de que entrou alguén no local.
-Sintoo, aínda non esta aberto.-dilles cun trapo na
man.-Volvan dentro de media hora ou así.
A cara do home vira pálida en canto ve ao camareiro, comeza
a soltar uns berros estridentes e a sinalar co dedo coa boca aberta, incapaz de
pronunciar palabra algunha. Clara agárrao polos ombreiros, tratando de calmalo,
ao ver que o seu esforzo resulta inútil arrástrao cara fora ante a reprimenda
do camareiro.
-Saque a ese chalado do meu local! Xa lles dixen que está
pechado! Fora!- Clara dáse conta do que pasa ao darse a volta para desculparse
co camareiro, o cal ten uns claros rasgos hispanoamericanos e diríxese cara o
teléfono, presumiblemente ameazando con chamar á policía.
“Menuda peza me tocou, será mellor desfacerme deste elemento
canto antes” pensa Clara mentres saen do bar. O home ten un aspecto horrible,
esta suando e mira para todos lados.
-Ve?! Ve?! Díxenllo! Están en todas partes.
-Oia, isto nin me vai nin me ven, e apreciaría que me
deixase en paz si se vai poñer así en todas partes.
-Estúpida! Non comprende… os mariachis!- sae un pouco de
cuspe propulsado cando pronuncia ese ‘ch’.
-Vaia a merda.- Clara dáse a volta e saca un pitillo e acendedor
do bolso, disposta a marchar. Cando leva uns cantos pasos nota que a agarran do
xersei, asústase e deixa caer o pitillo, dando un manotazo cara atrás
instintivamente.
-Sólteme!
-Por favor ten que axudarme! Vanme matar! Ai meu Deus…- o
home está agora de xeonllos, nunha posición suplicante, mirando a Clara coas
mans xuntas.
-Se insiste en seguirme vou chamar á policía, puto colgado!-
Clara recolle o seu cigarro do chan e cambia de beirarrúa. O home erguese e
continúa seguindo a Clara a unha pequena distancia prudencial mentes mira aos
seus arredores, completamente paranoico. Esta sigue baixando a rúa a paso cada
vez máis acelerado e a pesar de que a parada de bus máis próxima queda en
dirección oposta: só quere librarse do seu perseguidor. Son malas horas para
que che persiga semellante personaxe. Ela mira cara atrás de vez en cando,
comprobando que o home segue detrás dela, está comezando a asustarse de
verdade. Por fin, farta de tanta persecución, achégase a unha cabina e marca o
número da policía. O home queda quieto, apoiado nunha esquina, tremendo non se
sabe si de frío ou de puro mudo e observando os movementos da rapaza mentres
descolga o teléfono, preparado para botar a correr en caso de que chame a
policía en serio. Clara dubida, alternando a mirada entre as teclas, o home e o
reloxo: van ser as sete xa e axiña poderá montar no autobus de volta a casa,
dando así carpetazo a este bizarro e inquietante asunto. Mañá seguro que ía rir
de todo isto, pero nese momento dábanlle máis ganas de chorar que de rir.
Comeza a marcar os números sen quitarlle ollo ao home, que se mantén na súa
esquina. Da rúa perpendicular que forma a esquina sae de repente un coche
grande de cor negra a toda velocidade, detense en fronte do home, que agora ten
un xesto digno do famoso cadro de Edvard Munch e esta completamente
paralizando.
-Os… os mariachis!! AAAAH! Axuda!!- o coche abre o teito e
as lúas: del sae unha música claramente mexicana e uns tipos ídem con
metralletas. Fusilan literalmente ao home mentres berran ao ritmo da canción
dunha forma tamén moi mexicana. Clara solta o auricular e ponse a cuberto
detrás do teléfono, berrando e tapando os oídos mentres dura o fogo. O home,
tras quedar case aplastado contra a parede debido á forza das balas, desplómase
no chan cuspindo sangue e tratando inutilmente de respirar a través dos pulmóns
furados, asasinado por unha chea de estereotipos. Clara bota unha ollada cando
cesa o ruído das armas.
-Lo ha visto!- berra o mariachi que sobresae polo teito do
coche mentres sinala a posición de Clara, quen volve a agacharse detrás do
teléfono. Oese un son de bala entrando na recamara e o coche acelera en
dirección a cabina, deixando unha ráfaga de metralleta, berros e música; estos
dous últimos claramente mexicanos.
-Ai, ai ai ai ai!!- os berros difumínanse ao virar o coche a
seguinte esquina. Semella que Clara non esta ferida, o mais grave que consegue
ver é un furado de bala no medio e medio do bolso. Sae de detrás da cabina e
bota unha mirada a ambos lados da rúa para estar segura. Fíxase case sen querer
no que queda da cara do home, aínda conserva esa expresión de horror de aquel
que se sabía perdido dende un principio e por fin atopa o temido final a pesar
de tódolos esforzos. Ata podería considerarse unha cara de frustración, de decepción
ante como se resolveron os eventos, dunha forma tan de acordo co plano
establecido. Pero Clara só ve un cadáver medio desfeito e unha parede case
cortada á metade polos furados das balas. Sen máis, alónxase da cabina,
primeiro pouco a pouco e de costas, sen quitar ollo dos resto do seu
ex-perseguidor, e logo correndo, non vaia ser que perda o primeiro bus. De
camiño á parada, o dono do bar observa a súa carreira cun sorriso malicioso. Ou
iso quere pensar o cadáver do home, xa que todo se reduce para el confirmar os
seus terrores, debido aos cales agora é unha masa sanguinolenta carente de vida
apoiada contra unha parede. Ao final, o importante é ter razón, non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario