24 de dec. de 2014

Space Hippie

A través da lúa da cápsula, Johann podía ver como se ía achegando á Terra. Facía dez anos que non regresaba, “só é un planeta deserto” pensou, mais lembrandose ao mesmo tempo da súa estancia alí como soldado. Johann nacera como un marciano de terceira xeración, na colonia 01-ZEUS, que foi o máis parecido que tivo a un fogar. Neto de emigrantes alemáns que se mudaran durante a Primeira Gran Fuga, nunca compartiu a nostalxia que sentían os vellos pola Terra: para el só representaba morte, desolación e baleiro. Falábanlle dos grandes océanos, dun azul intenso: el só viu o reflexo grisaceo das nubes radioactivas que cobren a maior parte do planeta. E cando oe falar da abundancia e diversidade da flora e fauna, só pode recordar a estrañas criaturas que xa non sabían nin como evolucionar para sobrevivir nun ambiente tan hostil. Os únicos sitios nos que quedan asentamentos humanos na Terra son os Polos e a Colonia Transiberiana: Johann sabía que estaba perdido, aínda que caese nunha das zona habitadas sería executado ao momento por ser de Marte, e si caía nun sitio inhóspito- ou peor, nun dos numerosos campos de batalla- íalle ser imposible sobrevivir durante máis de tres días. Todo isto supoñendo que a entrada na densa e corrupta atmosfera non esnaquizase a cápsula de escape, deseñada para flotar polo espazo e non para entrar nunha atmosfera de clase F. Mentres meditaba sobre a súa desesperada situación, Johann trataba de captar algún improbable sinal polo comunicador, a pesar do risco de contactar accidentalmente con algunha nave militar. Nada. Desesperado, prendeu unha obsoleta radio que había a bordo para emerxencias. Ao principio, só o habitual e monótono zunido do ruído das ondas de radio con algúns cortes. Johann atopábao relaxante, así que decidiu deixalo para pasar as súas últimas horas con tranquilidade.

23 de dec. de 2014

Cuba

Cuba,
a illa aillada,
a bloqueada, aldraxada,
"os iankis enchérona de putas"

2 de out. de 2014

Five Minutes

O ventilador zumba delatando a orixe chinesa, quizais taiwanesa. Varios pensamentos corren veloces pola miña cabeza e non consigo decidirme a escribir un tipo de texto ou outro, resultando nesta especie de prosa inconexa ao ritmo dun rapeiro xaponés morto mentres abanean as cortinas. O antimosquitos fai o seu efecto: a mesa chea de corpos inertes de coleópteros. É estraño que o chisqueiro siga tendo gas, semella que levo meses usandoó.

10 de set. de 2014

No time

Dou unha calada. O papel retrocede ante o brillo laranxa e axiña noto o aloumiño do fume na traquea. Hoxe  foise a luz en toda a cidade. A xente foxe para as súas casas e eu río coa moza dos tres pendentes. Volto a dar outra calada. Os fungos berran: “Sácanos de aquí! Imos afogar!”. Ignoro as súas súplicas e céntrome no bucle musical. A parte intensa. Ollo o reloxo. Podería dicir que hora é, pero vou pasar. Xa non me lembro. E outra volta. Queda cravado no cinseiro. O sol non quere saír. E quen son eu para persuadilo do contrario. Deixemos que cada un actúe ao seu ritmo, sen presa. Conxelados frescos, metacrioxénese que se apodera do ser. Lograr a velocidade absoluta para poder medirse nunha carreira mortal contra a frecha do tempo. Gañar.