24 de dec. de 2014

Space Hippie

A través da lúa da cápsula, Johann podía ver como se ía achegando á Terra. Facía dez anos que non regresaba, “só é un planeta deserto” pensou, mais lembrandose ao mesmo tempo da súa estancia alí como soldado. Johann nacera como un marciano de terceira xeración, na colonia 01-ZEUS, que foi o máis parecido que tivo a un fogar. Neto de emigrantes alemáns que se mudaran durante a Primeira Gran Fuga, nunca compartiu a nostalxia que sentían os vellos pola Terra: para el só representaba morte, desolación e baleiro. Falábanlle dos grandes océanos, dun azul intenso: el só viu o reflexo grisaceo das nubes radioactivas que cobren a maior parte do planeta. E cando oe falar da abundancia e diversidade da flora e fauna, só pode recordar a estrañas criaturas que xa non sabían nin como evolucionar para sobrevivir nun ambiente tan hostil. Os únicos sitios nos que quedan asentamentos humanos na Terra son os Polos e a Colonia Transiberiana: Johann sabía que estaba perdido, aínda que caese nunha das zona habitadas sería executado ao momento por ser de Marte, e si caía nun sitio inhóspito- ou peor, nun dos numerosos campos de batalla- íalle ser imposible sobrevivir durante máis de tres días. Todo isto supoñendo que a entrada na densa e corrupta atmosfera non esnaquizase a cápsula de escape, deseñada para flotar polo espazo e non para entrar nunha atmosfera de clase F. Mentres meditaba sobre a súa desesperada situación, Johann trataba de captar algún improbable sinal polo comunicador, a pesar do risco de contactar accidentalmente con algunha nave militar. Nada. Desesperado, prendeu unha obsoleta radio que había a bordo para emerxencias. Ao principio, só o habitual e monótono zunido do ruído das ondas de radio con algúns cortes. Johann atopábao relaxante, así que decidiu deixalo para pasar as súas últimas horas con tranquilidade.

23 de dec. de 2014

Cuba

Cuba,
a illa aillada,
a bloqueada, aldraxada,
"os iankis enchérona de putas"