Ninguén se estrañou cando morreu o pallaso. De algunha forma
xa todos nós agardábamos un desenlace semellante. Non é que estivese enfermo ou
fose vello de máis, simplemente pasábase. Sempre se pasaba. Non había día que
non estivese borracho perdido como mínimo, sempre foi dado a empinar o cóbado
dunha forma un tanto esaxerada. Era propenso tamén a meterse en pelexas, tiña
unha fase do colocón na que lle daba por faltarlle a todo o mundo ser vir a
conto de nada. E como lle entrases ao trapo, á mínima botábaseche enriba para
romperche a cara. Sen dúbida sempre foi un dos máis problemáticos, case me
alegro de que morrera.
O pallaso facía bromas e chistes de pésimo gusto
continuamente, e queixándose da súa situación, botándolle a culpa a todo o
mundo excepto a si mesmo, que en realidade era o causante de todos os seus
problemas e follóns. O típico era atopalo tirado no sofá cunha coitela de
afeitar, un espello e todo tipo de drogas de síntese tiradas pola mesa, en
pequenos anacos de plástico abertos. Mostraba unha expresión apática cara a
televisión ata que se lle prendía unha chispa na cabeza e decidía cortarse
unhas lonchas. Un día entrei no salón e estaba no medio do proceso, cando lle
preguntei de onde sacaba os cartos para comprar toda aquela merda.
-De foder na túa nai.
O home-porco riulle a graza e ambos nifraron un tiro despois
de bater os cinco. E esa era unha conversa típica co pallaso. Chegou a volverse
intratable, ninguén sabía porque se metera nesa espiral de autodestrución, o
que estaba claro é que máis tarde ou máis cedo a vida ía axustar contas con el.
Era moi afeccionado a traer a descoñecidos á casa:
maiormente narcos que lle suministraban o material a cambio de “favores”. Un
día atopei un fardo de medio quilo de coca debaixo do sofá-cama, o pallaso
arrincoumo das mans e soltou: “non toques a miña puta neve, tío, ou vou ter que
rajarche, joder. E que non entendes nada!?” mentres se lle caía a navalla
automática das mans por causa do tremor destas. Tampouco era nada estraño atopalo
con tres ou catro prostitutas, recibindo unha mamada en pleno salón mentres
continuaba o seu tour pola maioría de estupefacientes coñecidos polo home.
Despois dáballes catro hostias e largábaas do piso de malas maneiras,
argumentando que lle querían roubar e montando un escándalo enorme na escaleira
a altas horas da mañá. Non sei como nunca veu a policía, estes veciños son
certamente estraños.
Era demasiado. O pallaso tiña que marchar. Era bonito
dicilo, mais como librarme del se non podía librarme de ningunha destas
personaxes? Ata rematara acostumándome ao heavy metal as 24 horas do día, pero
o comportamento do pallaso volvérase demasiado perigoso. Consulteino co tío
heavy.
-Eh, tío heavy, temos que facer algo co pallaso. Tenme ata
os collóns.
O tío heavy comezou a berrear sobre que non ía durar moito
máis, el tiña experiencia con ionkis e o pallaso estaba xa nun nivel
insostible. Rematou o tema cun solo de dous minutos e berrando
“Sobredoooooseeeee!!! Sobreeeedoooooseeeeeeaaaaaahhhh!!!”, agradeceu ao público
e continuou cun cover de “Screaming for Vengeance” dos Judas Priest. Coma sempre o heavy resultaba completamente
inútil a menos que o obxectivo fose coller unha dor de cabeza, así que volvín a
encerralo cunha patada no cuartucho insonorizado con cartóns de ovo.
Aquel día comezaron a escoitarse uns berros na cociña:
semellaba que o chef discutía co pallaso a altas horas da madrugada: nada que
fose novidoso, unha das tantas cantinelas de sempre ás que case conseguín
habituarme xa.
-Non podes interromperme no medio dun cocido, bufón noxento!
-Só che quero coller unha pota... só preciso unha
pota...-dicía o pallaso coa mirada perdida e mascando aire continuamente.
-No nome de Deus, quen envía a este espantallo? Sae da miña
cociña inmediatamente!- o chef axitou na cara do pallaso o longo garfo de dúas
pugas para pinchar os chourizos durante uns instantes e volveu ao seu cocido. O
pallaso mirou ao chan e baixou os brazos, murmurando:
-Só quería unha jodida pota... para facer... jodido crack....
e ti, cabrón...- o pallaso levantou a cabeza coa mirada envelenada, e
chantoulle un cúter ao chef no brazo para despois coller unha das potas da
alacena mentres este ouveaba e choromicaba en grego. O pallaso apenas podía
falar dunha forma intelixible.
-Toma! Fff-fillo de puta! E agora voutematarahostias coa túa
propia p-p-pota, cabrrón! Hahaha!!- o riso do pallaso resultábame insoportable,
era unha mestura entre unha voz de vella híperaguda e os tres paquetes de
tabaco que se ventilaba cada día entre raia e raia, sendo a maioría de cigarros
nevados. Axitaba o cúter perigosamente preto do pescozo do chef. Collín unha
botella de vodka baleira das miles que había polo chan de todo o piso e
rebenteilla na parte de atrás da cabeza, xusto a tempo para salvar a xugular do
chef (despois dinme conta que de todas formas tiña un pequeno corte no
pescozo). Semellaba que ía caer redondo, abaneouse cara adiante e atrás, mais
ao pouco tempo deuse a volta, mirándome con ollos de tolo.
-Ti… TI!!
Tirouse enriba miña, tratando de apuñalarme co cúter, mais
só conseguiu facer unhas cantas marcas nas baldosas da cociña, non daba pé con
bola. A saber a cantidade de substancias que tiña no corpo. En canto puiden
pegueille unha patada de cheo nos collóns, encartouse durante o tempo
suficiente como para poder levantarme, recoller o cúter do chan e apoiar a
punta contra a fronte do pallaso, que estaba de xeonllos, agarrándose o
estómago.
-C-cabrón… agora… verás… haha…- máis que un riso foi un
chirrido.
-Estate quieto ou crávoche o puto cúter na fronte. Fóra da
miña casa! Puto colgado de merda. Vou chamar a policía, óesme?
-Haha, a p-pol…
O pallaso desplomouse no chan coma un saco de patacas
vellas, completamente inmóbil. Despois duns segundos, retorceuse e puiden ver
que tiña os ollos en branco, unha grotesca mueca na cara, entre risa e dor; e
comezaba a caerlle unha baba branca polas comisuras: morreu tal como viviu,
dunha forma absurda.
-Hostia…- e o chef comezou a chillar con voz de nena de
cinco anos. Eu, pola contra, despois da sorpresa inicial, senteime nunha
cadeira da cociña e púxenme a liar un porro: o pallaso non nos volvería
molestar nunca máis. Nese momento entrou o home-porco cunha botella case
baleira de vodka de cinco euros na man, preguntando que coño pasaba e por que
non o deixabamos durmir coa puta resaca que tiña. En canto viu o cadáver do pallaso
abalanzouse sobre min e tiroume o canuto a medio liar das mans, mais tropezou e
acabou dando cos dentes no chan, do cal logrou erguerse non sen moito traballo,
coa botella de vodka rota na man. “E que non vai acabar nunca esta tortura?”,
lémbrome que pensei exactamente iso antes de meterlle un dereitazo na cara ao
home-porco que o deixou K.O: estaba demasiado borracho como para poder facerme
absolutamente nada. Volvín sentar na mesma cadeira e comecei a liar outro porro,
sentindo a dor nos cotelos: empezaba a estar cansado de toda esta leria.
Despois de fumar e darme conta da situación, non me quedou
máis remedio que pensar que facer co cadáver do pallaso, obviamente non podía
quedar na cociña coma se nada. Rebusquei nos seus petos para ver se atopaba
algún tipo de identificación ou algunha forma de contactar con calquera persoa
que tivera a desgraza de ter unha relación con semellante personaxe, atopándome
soamente con un paquete de tabaco onde quedaban dous pitillos, un bote de
pegamento instantáneo case baleiro (parece ser que lle pegaba a absolutamente
todo), un pequeno set de maquillaxe cun espello e dúas cores, vermello e
branco; aínda que da parte branca só quedaba o rastro da cor, e unha chave que
parecía pertencer a un casilleiro ou a un candado: nin carteira nin documentos.
Mirei a cara contorsionada do falecido comediante, a baba estaba a piques de
alcanzar o chan, a perruca vermella estaba medio caída e podíase adiviñar unha
prominente calva que se estendía dende a fronte ata a coronilla. Pecheille os
ollos como última mostra de respecto a un cabrón que facía xa moito tempo que
me traía de cabeza. Despois de meditar durante un cuarto de hora coa axuda de
outro porro, finalmente dinme por vencido e fun para o salón, a limpar a
desfeita que deixara o pallaso. O chef, xa calado, cociñaba agora
freneticamente, coma se tratase de esquecer ou ignorar o que acababa de ocorrer
a golpe de culleirón e lume; e o home-porco durmía a mona tranquilamente no
chan, non ía estar nada contento cando espertase, se é que conseguía lembrarse
de algo. Recollín todo o que puiden a mesa do salón, cuberta de drogas
diversas, tratando de identificalas mentres as gardaba como mellor podía, había
de todo: cocaína, PCP, éxtase, unhas cantas pastillas de sabe-Deus-que… Despois
pasei un trapo impregnado en alcohol das ferida, para tratar de borrar todo
rastro daquilo. Derrumbeime no sofá: todo o acontecido estes días acababa de
pasarme factura xunto co efecto da maría, “debe de ser índica” é o último que
recordo pasar pola miña mente antes de que me espertara o timbre da porta.
“Merda, quen coño sexa ten o don da inoportunidade
certamente...”, incorporeime con moito traballo mentres o timbre soaba a
intervalos medianamente regulares.”Vai bo se pensa que lle vou abrir cun
cadáver na cociña e unha bolsa chea de drogas no chan.” Mais o timbre non
paraba de soar e, ante a miña ausencia de resposta, comezaron a petar na porta,
primeiro dunha maneira firme mais cada vez con máis violencia ata que xa
comezaban a ser hostias de libro. Tiña que abrir ou ían tirar a porta abaixo.
“Que coño… a policía?” Pensei no home-porco, o afectado que estaría pola morte
do seu amigo, a súa máis que obvia reacción de botarme a culpa e a conseguinte
chamada ás autoridades.”Este cabrón vainos joder a todos” pensei. A mira da
porta estaba bloqueada con goma de mascar, unha das moitas “bromas” do
falecido, molestando incluso despois de palmala. Collín a bolsa coas drogas e
guindeina pola ventá ao patio interior. Dirixinme á cociña: sorprendentemente o
home-porco seguía tirado no chan e o chef desaparecera xunto co seu caldo ou o
que demo estivese cociñando.”Cago na puta”, tiven que erguer o cadáver e metelo
no armario da despensa con moitísimo esforzo debido ao considerable peso do
pallaso combinado co meu cansazo e baixo estado de forma mentres os golpes
pasaron de soamente crearme stress a unha xenuina preocupación pola integridade
da porta: rematábaseme o tempo. Suando e con manchas brancas na roupa debido á
maquillaxe, abrín a porta por fin. Un home vestido completamente de negro e un
sombreiro tipo cheminea, como o de Abraham Lincoln, entrou no piso ante a miña
estupefacta mirada. Era alto e delgado como o mango extensible dunha fregona e
se a súa vestimenta non era suficiente (levaba unha puta levita, unha levita!),
a súa barba definitivamente transportábao a un á América do século XIX, e para
rematar a faena estaban as gafas redondas de montura de ferro: un enterrador do
far-west que ata parecía pasarse de estereotipo. Como xa dixen, entrou no piso
sen mediar palabra e da mesma forma silandeira foi directo á despensa (e eu con
el, mentres facía todo tipo de preguntas sobre a súa identidade e o motivo da
súa presencia), sacou o típico metro de madeira pregabre para medir corpos e
aplicouno ao noso defunto amigo despois de deixalo caer pesadamente contra o
chan. Sorriu despois de realizar a medición e arrastrou o cadáver ata a
entrada, tirándome ao chan dun codazo no peito cando tentei poñerme no medio da
porta para evitar que marchase con semellante paquete á vista de todo Cristo
sen parar de tentar que respondese a algunha das miñas preguntas. Custoume un
mundo erguerme e coller un coitelo grande de cociña para ameazalo se tentaba
baixar as escaleiras, mais cando quixen seguilo só atopei o corredor da
escaleira baleiro xunto cun estraño e forte cheiro a formol.
Decidín que xa fora suficiente por aquel día e fun directo
para a cama, onde fumei o último que me quedaba nunha ele, a cal carguei de
máis de forma completamente intencional: quería esquecer a miña absurda vida.
Cando esta solución resultou pouco fructífera, tomei dous valium dez e aos
cinco minutos soñaba coma un meniño con cousas terribles que prefiro non
lembrar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario