24/12/2014

Space Hippie

A través da lúa da cápsula, Johann podía ver como se ía achegando á Terra. Facía dez anos que non regresaba, “só é un planeta deserto” pensou, mais lembrandose ao mesmo tempo da súa estancia alí como soldado. Johann nacera como un marciano de terceira xeración, na colonia 01-ZEUS, que foi o máis parecido que tivo a un fogar. Neto de emigrantes alemáns que se mudaran durante a Primeira Gran Fuga, nunca compartiu a nostalxia que sentían os vellos pola Terra: para el só representaba morte, desolación e baleiro. Falábanlle dos grandes océanos, dun azul intenso: el só viu o reflexo grisaceo das nubes radioactivas que cobren a maior parte do planeta. E cando oe falar da abundancia e diversidade da flora e fauna, só pode recordar a estrañas criaturas que xa non sabían nin como evolucionar para sobrevivir nun ambiente tan hostil. Os únicos sitios nos que quedan asentamentos humanos na Terra son os Polos e a Colonia Transiberiana: Johann sabía que estaba perdido, aínda que caese nunha das zona habitadas sería executado ao momento por ser de Marte, e si caía nun sitio inhóspito- ou peor, nun dos numerosos campos de batalla- íalle ser imposible sobrevivir durante máis de tres días. Todo isto supoñendo que a entrada na densa e corrupta atmosfera non esnaquizase a cápsula de escape, deseñada para flotar polo espazo e non para entrar nunha atmosfera de clase F. Mentres meditaba sobre a súa desesperada situación, Johann trataba de captar algún improbable sinal polo comunicador, a pesar do risco de contactar accidentalmente con algunha nave militar. Nada. Desesperado, prendeu unha obsoleta radio que había a bordo para emerxencias. Ao principio, só o habitual e monótono zunido do ruído das ondas de radio con algúns cortes. Johann atopábao relaxante, así que decidiu deixalo para pasar as súas últimas horas con tranquilidade.

23/12/2014

Cuba

Cuba,
a illa aillada,
a bloqueada, aldraxada,
"os iankis enchérona de putas"

02/10/2014

Five Minutes

O ventilador zumba delatando a orixe chinesa, quizais taiwanesa. Varios pensamentos corren veloces pola miña cabeza e non consigo decidirme a escribir un tipo de texto ou outro, resultando nesta especie de prosa inconexa ao ritmo dun rapeiro xaponés morto mentres abanean as cortinas. O antimosquitos fai o seu efecto: a mesa chea de corpos inertes de coleópteros. É estraño que o chisqueiro siga tendo gas, semella que levo meses usandoó.

10/09/2014

No time

Dou unha calada. O papel retrocede ante o brillo laranxa e axiña noto o aloumiño do fume na traquea. Hoxe  foise a luz en toda a cidade. A xente foxe para as súas casas e eu río coa moza dos tres pendentes. Volto a dar outra calada. Os fungos berran: “Sácanos de aquí! Imos afogar!”. Ignoro as súas súplicas e céntrome no bucle musical. A parte intensa. Ollo o reloxo. Podería dicir que hora é, pero vou pasar. Xa non me lembro. E outra volta. Queda cravado no cinseiro. O sol non quere saír. E quen son eu para persuadilo do contrario. Deixemos que cada un actúe ao seu ritmo, sen presa. Conxelados frescos, metacrioxénese que se apodera do ser. Lograr a velocidade absoluta para poder medirse nunha carreira mortal contra a frecha do tempo. Gañar.

27/11/2013

Wolf

Saíu do medio da maleza coma un lóstrego, arrincando a man que sostiña a preciada cesta. A moza berrou, dando un chío que contrastaba co son xordo do bimbio contra o chan. Dándose a volta tras cuspir a man que sostiña na boca, saltou de novo. O lobo, cunha soa dentellada, separou a cabeza da carrapuchiña vermella do resto do corpo, tal e como faría calquera lobo con fame. O pequeno corpo quedou inerte, naturalmente, incapaz de articular queixa algunha. Despois de destrozar o pescozo da rapaza, o lobo, sen saber por que, sentiuse baleiro. Aínda así, comeu aproxidamente a metade da presa e volveu a perderse no medio do monte, de onde sempre sairá ata a fin dos tempos.

22/10/2013

Mariachis killed my wife

A noite víase clara e despexada e aínda nin se adiviñaban os primeiros raios de sol da mañá. Clara, de 24 anos, volve do seu traballo como camareira nunha discoteca local dunha cidade do país. Esta a punto de prender un pitillo cando dobra a esquina un home duns trinta e moitos anos, mal barbeado e cun aspecto bastante lamentable. Tropeza coa moza, botándolle o cigarro ao chan. A rapaza recupera o cigarro e érguese, só para atoparse coa mirada de terror do home.
-Os mariachis!- balbuceaba.-pero se hai alguén non se atreverán a vir... si...
Clara conclúe que o tipo non debía estar moi ben da olla. Alónxase a paso rápido, e o home axiña vai detrás dela.
-Agarda, por favor!! Vanme matar a min tamén!!
Clara aperta máis o paso, tentando desfacerse do seu perseguidor, mais este non desiste mentres chama por ela coma un meniño, ata que comezou a saloucar. A rapaza parase, quizais sente pena polo home, ou quizais pensa que é mellor seguirlle a corrente ata que poida chamar á policía. De todas formas, Clara pregúntalle ao home que era todo aquilo dos mariachis, pregunta da que axiña se arrepinte.

14/10/2013

Katana

-Cari, teño unha sorpresa.- a cara de Billy é unha mestura entre complicidade e secretismo.
-Huh?- Diana incorpórase na cama e recolle a camiseta tirada no chan para poñela.- De que se trata? É un regalo?- ilumínanselle os ollos.
-Hum… algo así. Agarda que cha ensino.- Billy sae da habitación e axiña regresa cunha espada xaponesa, unha katana, enfundada nunha funda de madeira e cun par de borlas na empuñadura. Diana, que aproveitou para prender un pitillo post-coital, mira marabillada a arma.
-Wow, pero é auténtica?
-Pois claro que é auténtica.- Billy saca a espada da funda, semella estar afiada de verdade.- É unha réplica dunha Muramasa, aquelas que perdeu o emperador xaponés cando fuxiu a China ao acabar a Segunda Guerra Mundial. Ou iso dicía na páxina web.- Diana escoita a explicación sen demasiado interese.
-Semella perigosa, deberías gardala antes de que te cortes un dedo.- di Diana, rindo polo baixo.
-Non sexas parva, ben sabes que levo andando con estas cousas dende que era un adolescente. E aínda falta o primeiro día que pase algo.- Billy da un par de estocadas ao aire.
-Coidado!- instintivamente a moza pon os brazos diante da cara.

09/10/2013

Death of a Clown

Ninguén se estrañou cando morreu o pallaso. De algunha forma xa todos nós agardábamos un desenlace semellante. Non é que estivese enfermo ou fose vello de máis, simplemente pasábase. Sempre se pasaba. Non había día que non estivese borracho perdido como mínimo, sempre foi dado a empinar o cóbado dunha forma un tanto esaxerada. Era propenso tamén a meterse en pelexas, tiña unha fase do colocón na que lle daba por faltarlle a todo o mundo ser vir a conto de nada. E como lle entrases ao trapo, á mínima botábaseche enriba para romperche a cara. Sen dúbida sempre foi un dos máis problemáticos, case me alegro de que morrera.

08/10/2013

Not bad

Struggle is unavoidable
allow me to breath
yet futile pain unquestionable
Always go for the throat


Inner sanctum doesn't know
about no sacrificial goat
only truth is that blood flow
and some electric charge makes it float

04/10/2013

Mob Rules

En canto entramos na pequena sala de estar, o xefe disparou a pregunta, a pesar de que podía ler a resposta nas nosas caras. O xefe sempre fora moi bo para esas cousas, por algo era o xefe.
-Matáchedelo?
-Pois...
-Merda, merda! Díxenvos que non o fixerades!
-Pero xefe, ao final...
-Non quero escusas, joder!! Sabedes que van vir por nós agora, debería... aquí mesmo!- o xefe sacou o revólver mentres falaba e apuntou á cachola de Gus. Sempre se poñía moi nervioso cando os plans non saían exactamente como el quería.
-Cálmese xefe, matamos ao “Gato”, si- o xefe amartelou o revólver- pero e que matámolos a todos. O xefe baixou a arma e miroume, incrédulo, cos seus ollos amarelentos, parecía un indixente que acababa de atopar vinte pavos.
-A todos? A Lazlo tamén? Como carallo iades matar vós a Lazlo? Non o creo.
-Que si, xefe. Todos mortos. Dillo ti, Gus.- a pesar da ameaza, Gus mantiña a súa habitual cara de póker.
-Si, si, Lazlo nin se deu conta do que pasaba.- prendeu un pitillo. -Pam, en todo o estómago. -fixo o xesto de apertar un gatillo mentres soltaba a primeira bocanada de fume.
-E Rizzoli..?
-Rizzoli foi o primeiro que nos cargamos. No seu propio piso, ademais– e fixen o xesto de disparar cunha escopeta, apuntando cara o xefe.
-Pero isto é extraordinario! Moi ben, rapaces! Sabía que podía vos confiar o traballo. Temos que celebralo! Colle o Cardhu!