10 de set. de 2014

No time

Dou unha calada. O papel retrocede ante o brillo laranxa e axiña noto o aloumiño do fume na traquea. Hoxe  foise a luz en toda a cidade. A xente foxe para as súas casas e eu río coa moza dos tres pendentes. Volto a dar outra calada. Os fungos berran: “Sácanos de aquí! Imos afogar!”. Ignoro as súas súplicas e céntrome no bucle musical. A parte intensa. Ollo o reloxo. Podería dicir que hora é, pero vou pasar. Xa non me lembro. E outra volta. Queda cravado no cinseiro. O sol non quere saír. E quen son eu para persuadilo do contrario. Deixemos que cada un actúe ao seu ritmo, sen presa. Conxelados frescos, metacrioxénese que se apodera do ser. Lograr a velocidade absoluta para poder medirse nunha carreira mortal contra a frecha do tempo. Gañar.