A través da lúa da
cápsula, Johann podía ver como se ía achegando á Terra. Facía dez anos que non
regresaba, “só é un planeta deserto” pensou, mais lembrandose ao mesmo tempo da
súa estancia alí como soldado. Johann nacera como un marciano de terceira
xeración, na colonia 01-ZEUS, que foi o máis parecido que tivo a un fogar. Neto
de emigrantes alemáns que se mudaran durante a Primeira Gran Fuga, nunca
compartiu a nostalxia que sentían os vellos pola Terra: para el só representaba
morte, desolación e baleiro. Falábanlle dos grandes océanos, dun azul intenso:
el só viu o reflexo grisaceo das nubes radioactivas que cobren a maior parte do
planeta. E cando oe falar da abundancia e diversidade da flora e fauna, só pode
recordar a estrañas criaturas que xa non sabían nin como evolucionar para
sobrevivir nun ambiente tan hostil. Os únicos sitios nos que quedan
asentamentos humanos na Terra son os Polos e a Colonia Transiberiana: Johann
sabía que estaba perdido, aínda que caese nunha das zona habitadas sería
executado ao momento por ser de Marte, e si caía nun sitio inhóspito- ou peor,
nun dos numerosos campos de batalla- íalle ser imposible sobrevivir durante
máis de tres días. Todo isto supoñendo que a entrada na densa e corrupta
atmosfera non esnaquizase a cápsula de escape, deseñada para flotar polo espazo
e non para entrar nunha atmosfera de clase F. Mentres meditaba sobre a súa
desesperada situación, Johann trataba de captar algún improbable sinal polo
comunicador, a pesar do risco de contactar accidentalmente con algunha nave
militar. Nada. Desesperado, prendeu unha obsoleta radio que había a bordo para
emerxencias. Ao principio, só o habitual e monótono zunido do ruído das ondas
de radio con algúns cortes. Johann atopábao relaxante, así que decidiu deixalo
para pasar as súas últimas horas con tranquilidade.
-Hei! Estamos de
volta na KHER, 94.7, emitindo, coma sempre, a máis de cinco mil metros de
altura. Si señor, a última radio da Terra non se da por vencido queridos oíntes…
se é que queda algún oínte. Oh, bon, da igual, de todas formas vou escoitar
música.- a voz oscilaba entre un ton de comentarista barato e outro de falar
con un mesmo
-Que demo…- dixo
Johann para sí.
-E agora, un clásico
que cumpre 150 anos… ou son 160? Bueno, da igual! Probablemente a humanidade
nunca esquecerá nin aborrecerá estes acordes.
Comezou a soar Across the Universe dos Beatles. “Que
apropiado, demasiado incluso” pensou Johann, mentres deixaba que as notas o
arrastraran ata unha morte aínda incerta. Lembraba aqueles tempos de guerra,
cando era tenente na Alianza Vermella, o exército unido das colonias máis
importantes de Marte, loitando contra os tiranos terrestres (polo menos así foi
como llo venderan), ao final comprobara que os marcianos eran incluso peores
que os terrestres, aínda que a aniquilación da 01-ZEUS por parte do exército
terrestre fora bastante convincente no seu momento. Este feito precipitara o
bombardeo nuclear masivo a gran altitude do 90% da superficie terrestre,
podendo admirar agora Johann as consecuencias de tal decisión a unha escala
moito maior que cando o viu en directo. “Son peores os de Marte”, conluíu,
recordando o horror que vivira na guerra terrestre e sendo consciente do feito
de que o Alto Mando filtrara información falsa aposta sobre a súa localización
na 01-ZEUS, cando en realidade estaban ocultos na 08-CYDONIA, observando como
borraban do mapa o primeiro asentamento humano permanente en Marte, convertido
naquel momento nun enorme reduto de crime, pobreza e miseria. Con isto o Alto
Mando conseguiu un dobre obxectivo: librarse da maioría de escoura que emigrara
a Marte e ter unha escusa para desatar todo o seu poder sobre o exército
terrestre.
-E agora, cambiando
de estilo… eh… uh… a ver que teño por aquí… ah si! Outro clásico inesquecible
da época dourada da raza humana. Se o bo de Jimi levantase cabeza vería que
todas as súas letras de paz e amor non serviron para nada, hahaha…
Despois dun par de golpes da agulla contra o vinilo, comeza a soar Little Wing do mestre da guitarra Hendrix. Johann coñecía moi ben eses temas, seu avó era un gran fan do rock n roll dos 60 e posuía unha colección bastante completa de vinilos pola que cal era obxectivo de burlas regulares por parte dos seus amigos, a maioría deles con implantes sociais que transmitían os últimos éxitos directamente aos seus nervios auditivos. Johann rascou inconscientemente a parte da cabeza na que tiña a cicatriz do seu implante. Virao claro despois de coñecer os segredos do Alto Mando e o seu aparello estatal de control: todos estaban fichados, os pensamentos da raza humana rexistrados as vintecatro horas. Por iso tivera que desertar, entre outros motivos. El non era coma eles, non sabía ben o que quería (aínda nese momento non o sabía), pero sabía perfectamente que iso non era. Non quería a completa destrución do planeta que viu nacer a raza humana, non quería erradicar aos “inimigos do gran Marte”. Sumido en recordos dolorosos, e precisamente para evitalos, prendeu un porro que tiña gardado nun recanto do traxe para “emerxencias”, a pesar de que iso ía en contra de tódalas medidas de seguridade da cápsula. De todas formas, probablemente ía morrer, polo menos morrer a gusto, colocado, mentres escoitaba a Hendrix, coma un auténtico hippie espacial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario