4 de out. de 2013

Mob Rules

En canto entramos na pequena sala de estar, o xefe disparou a pregunta, a pesar de que podía ler a resposta nas nosas caras. O xefe sempre fora moi bo para esas cousas, por algo era o xefe.
-Matáchedelo?
-Pois...
-Merda, merda! Díxenvos que non o fixerades!
-Pero xefe, ao final...
-Non quero escusas, joder!! Sabedes que van vir por nós agora, debería... aquí mesmo!- o xefe sacou o revólver mentres falaba e apuntou á cachola de Gus. Sempre se poñía moi nervioso cando os plans non saían exactamente como el quería.
-Cálmese xefe, matamos ao “Gato”, si- o xefe amartelou o revólver- pero e que matámolos a todos. O xefe baixou a arma e miroume, incrédulo, cos seus ollos amarelentos, parecía un indixente que acababa de atopar vinte pavos.
-A todos? A Lazlo tamén? Como carallo iades matar vós a Lazlo? Non o creo.
-Que si, xefe. Todos mortos. Dillo ti, Gus.- a pesar da ameaza, Gus mantiña a súa habitual cara de póker.
-Si, si, Lazlo nin se deu conta do que pasaba.- prendeu un pitillo. -Pam, en todo o estómago. -fixo o xesto de apertar un gatillo mentres soltaba a primeira bocanada de fume.
-E Rizzoli..?
-Rizzoli foi o primeiro que nos cargamos. No seu propio piso, ademais– e fixen o xesto de disparar cunha escopeta, apuntando cara o xefe.
-Pero isto é extraordinario! Moi ben, rapaces! Sabía que podía vos confiar o traballo. Temos que celebralo! Colle o Cardhu!

-Grazas, xefe, mais estamos algo cansos, será mellor que nos retiremos xa. Mañá traemos o botín completo, gardámolo no piso de Main Street, Santiso esta alí de garda. Pode probalo se quere.- entregueille unha bolsiña cuns pos de cor branca. Vai por descontado que seguiu o meu consello, animándose ao momento. Fixo un aceno, achegándonos o billete de cincuenta, Gus aceptou a oferta e eu cedín ante a presión de grupo.
-Veña, unha copa, hai que celebralo! Á saúde de Rizzoli! Ha, ha, ha! -o xefe cambiara radicalmente de expresión e achegábanos as copas de whisky.
-Vale, un grolo entón.
-Polos inimigos caídos! -brindou o xefe.
-Por Lazlo -dixen eu
-Si, por Lazlo. E por Rizzoli.
Despois de dúas copas máis que apresuramos todo o que puidemos, baixamos do edificio, deixando ao xefe só coa súa cocaína e o seu Cardhu e dirixímonos ao coche.
-Oe, Lewis, ti cres que foi boa idea isto? -Gus ás veces poñíame nervioso coa súa inseguridade.
-Que si home, en dous días estamos fóra do país cos cartos. Se consegues colocarlle a merda a alguén, claro esta.
-Diso encárgome eu, ti non te preocupes. Pero seguro que van vir? Estariamos nunha situación certamente incómoda en caso contrario.
-Que si, pesado. Despois do cristo que fixemos co “Gato” teñen que vir a collóns. E nós, a onde imos ao final, cara onde colleches os billetes? Espero que non faga moita calor. -uns homes dobraron a esquina. Eran eles.
-Coidado, agóchate!
Cando os homes por fin entraron no edificio, Gus arrincou o coche e saímos a escape de alí.
-Pois nós ímonos a Francia.
-Francia?! A ninguén lle gusta Francia! Nin sequera se pode pedir unha hamburguesa decente, joder!
-Bon, como me dixeches que sempre quixeras tirarte a unha francesa…
-Pero non por iso tiñas que escoller Francia, non soporto ese estúpido acento que teñen. Mecago na torre Eiffel…
A pesar de que xa atravesaramos un par de rúas, logramos oír varios disparos procedentes da dirección da cal viñamos: todo parecía estar correcto.
-Colle a seguinte saída.- Gus asubiaba a canción de Califano que soaba pola radio. Levabamos a merda no maleteiro. Despois de conducir uns cantos quilómetros, atopabámonos en dirección a unha pequena vila a 60 millas da cidade, o páramo semi-desértico non invitaba a baixar do coche. Unha calor espantosa.

-Podes acender un pitillo?- rebusquei nos petos de Gus mentres el conducía e toquei brevemente e sen querer algo que me fixo suar frío: a pistola que levaba no peto dereito estaba sen seguro e amartelada. Apartei a man inconscientemente.
-Nah, teño no outro peto, agarda.- tardou un pouco en sacala, parecía nervioso e lograba imaxinar porque. Entregoume a cajetilla sen desviar a vista da estrada, bastante innecesario posto que era máis recta que o monumento a Washington.- O chisqueiro teñoo nos vaqueiros, usa o do coche se tal.
Apertei o botón co debuxiño do pitillo e unha idea comezou a xurdir na miña cabeza, coma unha bola de neve que roda monte abaixo. E se…?
Acendinlle o pitillo e deixei o chisqueiro no sitio, apertando o botón novamente. Deu un par de caladas e meteuse nun camiño de terra, alonxado da estrada: xa era case noite pechada.
-Por que paras?- oín o click.
-Sintoo, Le-AAAAH!!
Chanteille o chisqueiro do coche na tempa.

-Cabrón, pensas que son idiota?- probablemente non puido escoitar iso último. Afundín o metal ardendo aínda máis mentres lle agarraba a man dereita para evitar que me pegase un tiro. Caeu pesadamente enriba da dirección despois de axitarse durante uns instantes, o ruído da bucina enxordecíame, estaba suando. O cadro era cando menos curioso: Gus ollábame con ollos vidriosos e co chisqueiro do coche cravado na tempa, coma se tivese un estraño piercing. Recosteino contra o asento e abrín a porta do coche do seu lado, botándoo fora dunha patada como mellor puiden e saín do coche. Devolvín pouco despois de abrir a porta, a pesar de que fai anos que me dedico a cargarme xente por cartos, a experiencia deixarame tocado. Arrastrei uns pés o cadáver, quiteille a carteira e o móbil e pegueille un par de tiros na cara, non sei moi ben porque. Acto seguido metinme no asento do condutor e arrinquei o máis rápido que puiden, deixándoo alí tirado. Respirei fondo e mirei o traxe: “Perfecto. Nin unha soa gota de sangue.”, pensei mentres conducía, incapaz de planear nada concreto e co meu futuro no maleteiro. Unha carga ben pesada, pois aínda quedaba decidir onde enterrar ao pobre Santiso, que rematou envolto nunha alfombra sen comelo nin bebelo. Bon, non era exactamente un inocente. Despois de todo, esas son as normas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario