9 de out. de 2013

Death of a Clown

Ninguén se estrañou cando morreu o pallaso. De algunha forma xa todos nós agardábamos un desenlace semellante. Non é que estivese enfermo ou fose vello de máis, simplemente pasábase. Sempre se pasaba. Non había día que non estivese borracho perdido como mínimo, sempre foi dado a empinar o cóbado dunha forma un tanto esaxerada. Era propenso tamén a meterse en pelexas, tiña unha fase do colocón na que lle daba por faltarlle a todo o mundo ser vir a conto de nada. E como lle entrases ao trapo, á mínima botábaseche enriba para romperche a cara. Sen dúbida sempre foi un dos máis problemáticos, case me alegro de que morrera.

 O que máis lle afectou, non obstante, foi a súa última época, abusando de todo tipo de narcóticos e estimulantes sen ningunha mesura. Era especialmente afeccionado á cocaína, chegou a consumir ata dez gramos nun día. O seu modus operandi diario era basicamente poñerse ata ás cellas nada máis erguerse, aproximadamente sobre as catro da tarde, e despois dun almorzo “en branco” (sempre facía esa broma. E cando digo sempre, refírome a tódolos putos días, sen fallar nunca), dedicábase a beber botellas de vodka e xenebra baratas diante da tele mentres continuaba nifrando ou tomando pastillas, de acordo cos caprichos do seu efervescente cerebro. O que máis me molestaba tampouco eran eses hábitos autodestrutivos, despois de todo calquera pode ter unha mala época. Non, o peor era esa actitude pasivo-agresiva que exhibía continuamente, ninguén podía aturalo xa, excepto o home-porco, que se pasaba o día xustificando os actos do seu amigo, bebendo cervexa e drogándose con el: só lle lambía o cu porque era máis pobre que as ratas e precisaba alguén que o invitara: tamén está bastante enganchado e comeza a ser unha auténtica molestia, pero iso é outra historia.

O pallaso facía bromas e chistes de pésimo gusto continuamente, e queixándose da súa situación, botándolle a culpa a todo o mundo excepto a si mesmo, que en realidade era o causante de todos os seus problemas e follóns. O típico era atopalo tirado no sofá cunha coitela de afeitar, un espello e todo tipo de drogas de síntese tiradas pola mesa, en pequenos anacos de plástico abertos. Mostraba unha expresión apática cara a televisión ata que se lle prendía unha chispa na cabeza e decidía cortarse unhas lonchas. Un día entrei no salón e estaba no medio do proceso, cando lle preguntei de onde sacaba os cartos para comprar toda aquela merda.
-De foder na túa nai.
O home-porco riulle a graza e ambos nifraron un tiro despois de bater os cinco. E esa era unha conversa típica co pallaso. Chegou a volverse intratable, ninguén sabía porque se metera nesa espiral de autodestrución, o que estaba claro é que máis tarde ou máis cedo a vida ía axustar contas con el.
Era moi afeccionado a traer a descoñecidos á casa: maiormente narcos que lle suministraban o material a cambio de “favores”. Un día atopei un fardo de medio quilo de coca debaixo do sofá-cama, o pallaso arrincoumo das mans e soltou: “non toques a miña puta neve, tío, ou vou ter que rajarche, joder. E que non entendes nada!?” mentres se lle caía a navalla automática das mans por causa do tremor destas. Tampouco era nada estraño atopalo con tres ou catro prostitutas, recibindo unha mamada en pleno salón mentres continuaba o seu tour pola maioría de estupefacientes coñecidos polo home. Despois dáballes catro hostias e largábaas do piso de malas maneiras, argumentando que lle querían roubar e montando un escándalo enorme na escaleira a altas horas da mañá. Non sei como nunca veu a policía, estes veciños son certamente estraños.

Era demasiado. O pallaso tiña que marchar. Era bonito dicilo, mais como librarme del se non podía librarme de ningunha destas personaxes? Ata rematara acostumándome ao heavy metal as 24 horas do día, pero o comportamento do pallaso volvérase demasiado perigoso. Consulteino co tío heavy.
-Eh, tío heavy, temos que facer algo co pallaso. Tenme ata os collóns.
O tío heavy comezou a berrear sobre que non ía durar moito máis, el tiña experiencia con ionkis e o pallaso estaba xa nun nivel insostible. Rematou o tema cun solo de dous minutos e berrando “Sobredoooooseeeee!!! Sobreeeedoooooseeeeeeaaaaaahhhh!!!”, agradeceu ao público e continuou cun cover de “Screaming for Vengeance” dos Judas Priest.  Coma sempre o heavy resultaba completamente inútil a menos que o obxectivo fose coller unha dor de cabeza, así que volvín a encerralo cunha patada no cuartucho insonorizado con cartóns de ovo.

Aquel día comezaron a escoitarse uns berros na cociña: semellaba que o chef discutía co pallaso a altas horas da madrugada: nada que fose novidoso, unha das tantas cantinelas de sempre ás que case conseguín habituarme xa.
-Non podes interromperme no medio dun cocido, bufón noxento!
-Só che quero coller unha pota... só preciso unha pota...-dicía o pallaso coa mirada perdida e mascando aire continuamente.
-No nome de Deus, quen envía a este espantallo? Sae da miña cociña inmediatamente!- o chef axitou na cara do pallaso o longo garfo de dúas pugas para pinchar os chourizos durante uns instantes e volveu ao seu cocido. O pallaso mirou ao chan e baixou os brazos, murmurando:
-Só quería unha jodida pota... para facer... jodido crack.... e ti, cabrón...- o pallaso levantou a cabeza coa mirada envelenada, e chantoulle un cúter ao chef no brazo para despois coller unha das potas da alacena mentres este ouveaba e choromicaba en grego. O pallaso apenas podía falar dunha forma intelixible.
-Toma! Fff-fillo de puta! E agora voutematarahostias coa túa propia p-p-pota, cabrrón! Hahaha!!- o riso do pallaso resultábame insoportable, era unha mestura entre unha voz de vella híperaguda e os tres paquetes de tabaco que se ventilaba cada día entre raia e raia, sendo a maioría de cigarros nevados. Axitaba o cúter perigosamente preto do pescozo do chef. Collín unha botella de vodka baleira das miles que había polo chan de todo o piso e rebenteilla na parte de atrás da cabeza, xusto a tempo para salvar a xugular do chef (despois dinme conta que de todas formas tiña un pequeno corte no pescozo). Semellaba que ía caer redondo, abaneouse cara adiante e atrás, mais ao pouco tempo deuse a volta, mirándome con ollos de tolo.
-Ti… TI!!
Tirouse enriba miña, tratando de apuñalarme co cúter, mais só conseguiu facer unhas cantas marcas nas baldosas da cociña, non daba pé con bola. A saber a cantidade de substancias que tiña no corpo. En canto puiden pegueille unha patada de cheo nos collóns, encartouse durante o tempo suficiente como para poder levantarme, recoller o cúter do chan e apoiar a punta contra a fronte do pallaso, que estaba de xeonllos, agarrándose o estómago.
-C-cabrón… agora… verás… haha…- máis que un riso foi un chirrido.
-Estate quieto ou crávoche o puto cúter na fronte. Fóra da miña casa! Puto colgado de merda. Vou chamar a policía, óesme?
-Haha, a p-pol…
O pallaso desplomouse no chan coma un saco de patacas vellas, completamente inmóbil. Despois duns segundos, retorceuse e puiden ver que tiña os ollos en branco, unha grotesca mueca na cara, entre risa e dor; e comezaba a caerlle unha baba branca polas comisuras: morreu tal como viviu, dunha forma absurda.
-Hostia…- e o chef comezou a chillar con voz de nena de cinco anos. Eu, pola contra, despois da sorpresa inicial, senteime nunha cadeira da cociña e púxenme a liar un porro: o pallaso non nos volvería molestar nunca máis. Nese momento entrou o home-porco cunha botella case baleira de vodka de cinco euros na man, preguntando que coño pasaba e por que non o deixabamos durmir coa puta resaca que tiña. En canto viu o cadáver do pallaso abalanzouse sobre min e tiroume o canuto a medio liar das mans, mais tropezou e acabou dando cos dentes no chan, do cal logrou erguerse non sen moito traballo, coa botella de vodka rota na man. “E que non vai acabar nunca esta tortura?”, lémbrome que pensei exactamente iso antes de meterlle un dereitazo na cara ao home-porco que o deixou K.O: estaba demasiado borracho como para poder facerme absolutamente nada. Volvín sentar na mesma cadeira e comecei a liar outro porro, sentindo a dor nos cotelos: empezaba a estar cansado de toda esta leria.

Despois de fumar e darme conta da situación, non me quedou máis remedio que pensar que facer co cadáver do pallaso, obviamente non podía quedar na cociña coma se nada. Rebusquei nos seus petos para ver se atopaba algún tipo de identificación ou algunha forma de contactar con calquera persoa que tivera a desgraza de ter unha relación con semellante personaxe, atopándome soamente con un paquete de tabaco onde quedaban dous pitillos, un bote de pegamento instantáneo case baleiro (parece ser que lle pegaba a absolutamente todo), un pequeno set de maquillaxe cun espello e dúas cores, vermello e branco; aínda que da parte branca só quedaba o rastro da cor, e unha chave que parecía pertencer a un casilleiro ou a un candado: nin carteira nin documentos. Mirei a cara contorsionada do falecido comediante, a baba estaba a piques de alcanzar o chan, a perruca vermella estaba medio caída e podíase adiviñar unha prominente calva que se estendía dende a fronte ata a coronilla. Pecheille os ollos como última mostra de respecto a un cabrón que facía xa moito tempo que me traía de cabeza. Despois de meditar durante un cuarto de hora coa axuda de outro porro, finalmente dinme por vencido e fun para o salón, a limpar a desfeita que deixara o pallaso. O chef, xa calado, cociñaba agora freneticamente, coma se tratase de esquecer ou ignorar o que acababa de ocorrer a golpe de culleirón e lume; e o home-porco durmía a mona tranquilamente no chan, non ía estar nada contento cando espertase, se é que conseguía lembrarse de algo. Recollín todo o que puiden a mesa do salón, cuberta de drogas diversas, tratando de identificalas mentres as gardaba como mellor podía, había de todo: cocaína, PCP, éxtase, unhas cantas pastillas de sabe-Deus-que… Despois pasei un trapo impregnado en alcohol das ferida, para tratar de borrar todo rastro daquilo. Derrumbeime no sofá: todo o acontecido estes días acababa de pasarme factura xunto co efecto da maría, “debe de ser índica” é o último que recordo pasar pola miña mente antes de que me espertara o timbre da porta.
“Merda, quen coño sexa ten o don da inoportunidade certamente...”, incorporeime con moito traballo mentres o timbre soaba a intervalos medianamente regulares.”Vai bo se pensa que lle vou abrir cun cadáver na cociña e unha bolsa chea de drogas no chan.” Mais o timbre non paraba de soar e, ante a miña ausencia de resposta, comezaron a petar na porta, primeiro dunha maneira firme mais cada vez con máis violencia ata que xa comezaban a ser hostias de libro. Tiña que abrir ou ían tirar a porta abaixo. “Que coño… a policía?” Pensei no home-porco, o afectado que estaría pola morte do seu amigo, a súa máis que obvia reacción de botarme a culpa e a conseguinte chamada ás autoridades.”Este cabrón vainos joder a todos” pensei. A mira da porta estaba bloqueada con goma de mascar, unha das moitas “bromas” do falecido, molestando incluso despois de palmala. Collín a bolsa coas drogas e guindeina pola ventá ao patio interior. Dirixinme á cociña: sorprendentemente o home-porco seguía tirado no chan e o chef desaparecera xunto co seu caldo ou o que demo estivese cociñando.”Cago na puta”, tiven que erguer o cadáver e metelo no armario da despensa con moitísimo esforzo debido ao considerable peso do pallaso combinado co meu cansazo e baixo estado de forma mentres os golpes pasaron de soamente crearme stress a unha xenuina preocupación pola integridade da porta: rematábaseme o tempo. Suando e con manchas brancas na roupa debido á maquillaxe, abrín a porta por fin. Un home vestido completamente de negro e un sombreiro tipo cheminea, como o de Abraham Lincoln, entrou no piso ante a miña estupefacta mirada. Era alto e delgado como o mango extensible dunha fregona e se a súa vestimenta non era suficiente (levaba unha puta levita, unha levita!), a súa barba definitivamente transportábao a un á América do século XIX, e para rematar a faena estaban as gafas redondas de montura de ferro: un enterrador do far-west que ata parecía pasarse de estereotipo. Como xa dixen, entrou no piso sen mediar palabra e da mesma forma silandeira foi directo á despensa (e eu con el, mentres facía todo tipo de preguntas sobre a súa identidade e o motivo da súa presencia), sacou o típico metro de madeira pregabre para medir corpos e aplicouno ao noso defunto amigo despois de deixalo caer pesadamente contra o chan. Sorriu despois de realizar a medición e arrastrou o cadáver ata a entrada, tirándome ao chan dun codazo no peito cando tentei poñerme no medio da porta para evitar que marchase con semellante paquete á vista de todo Cristo sen parar de tentar que respondese a algunha das miñas preguntas. Custoume un mundo erguerme e coller un coitelo grande de cociña para ameazalo se tentaba baixar as escaleiras, mais cando quixen seguilo só atopei o corredor da escaleira baleiro xunto cun estraño e forte cheiro a formol.

Decidín que xa fora suficiente por aquel día e fun directo para a cama, onde fumei o último que me quedaba nunha ele, a cal carguei de máis de forma completamente intencional: quería esquecer a miña absurda vida. Cando esta solución resultou pouco fructífera, tomei dous valium dez e aos cinco minutos soñaba coma un meniño con cousas terribles que prefiro non lembrar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario