Ninguén se estrañou cando morreu o pallaso. De algunha forma
xa todos nós agardábamos un desenlace semellante. Non é que estivese enfermo ou
fose vello de máis, simplemente pasábase. Sempre se pasaba. Non había día que
non estivese borracho perdido como mínimo, sempre foi dado a empinar o cóbado
dunha forma un tanto esaxerada. Era propenso tamén a meterse en pelexas, tiña
unha fase do colocón na que lle daba por faltarlle a todo o mundo ser vir a
conto de nada. E como lle entrases ao trapo, á mínima botábaseche enriba para
romperche a cara. Sen dúbida sempre foi un dos máis problemáticos, case me
alegro de que morrera.