A noite víase clara e despexada e aínda nin se adiviñaban os
primeiros raios de sol da mañá. Clara, de 24 anos, volve do seu
traballo como camareira nunha discoteca local dunha cidade do país. Esta a
punto de prender un pitillo cando dobra a esquina un home duns trinta e moitos anos, mal barbeado e cun aspecto bastante lamentable. Tropeza coa
moza, botándolle o cigarro ao chan. A rapaza recupera o cigarro e érguese, só
para atoparse coa mirada de terror do home.
-Os mariachis!- balbuceaba.-pero se hai alguén non se
atreverán a vir... si...
Clara conclúe que o tipo non debía estar moi ben da olla.
Alónxase a paso rápido, e o home axiña vai detrás dela.
-Agarda, por favor!! Vanme matar a min tamén!!
Clara aperta máis o paso, tentando desfacerse do seu
perseguidor, mais este non desiste mentres chama por ela coma un meniño, ata
que comezou a saloucar. A rapaza parase, quizais sente pena polo home, ou
quizais pensa que é mellor seguirlle a corrente ata que poida chamar á
policía. De todas formas, Clara pregúntalle ao home que era todo aquilo dos
mariachis, pregunta da que axiña se arrepinte.