Dou unha calada. O papel retrocede ante o brillo laranxa e
axiña noto o aloumiño do fume na traquea. Hoxe
foise a luz en toda a cidade. A xente foxe para as súas casas e eu río
coa moza dos tres pendentes. Volto a dar outra calada. Os fungos berran:
“Sácanos de aquí! Imos afogar!”. Ignoro as súas súplicas e céntrome no bucle
musical. A parte intensa. Ollo o reloxo. Podería dicir que hora é, pero vou
pasar. Xa non me lembro. E outra volta. Queda cravado no cinseiro. O sol non
quere saír. E quen son eu para persuadilo do contrario. Deixemos que cada un
actúe ao seu ritmo, sen presa. Conxelados frescos, metacrioxénese que se
apodera do ser. Lograr a velocidade absoluta para poder medirse nunha carreira
mortal contra a frecha do tempo. Gañar.
Logro enfocar a vista en dirección ao reloxo. A parte das
horas desapareceu nunha mancha irrecuperable. Os minutos aínda resisten, pero
axiña caerán sen o apoio de Kronos e a súa filla. A música reiniciase unha vez
máis, inmune ao torrente de entropía que se forma arredor dos corredores con
cada curva que dan. Xira, impasible, o torno primixenio que deu forma ao
primeiro soño e continúa moldeando un futuro que atravesa o córtex a medida que
se repiten os compases, proxectándose involuntariamente nun punto concreto que
se alonxa cada vez máis do que coñecemos como espacio-tempo cuatridimensional e
achegándose a un punto crítico coñecido como “de non retorno”. Un exército de
quasars trata de impedir a rotura, tratando de cerrala cun bombardeo da
radiación de alto espectro. As estrelas de neutrons tamén acoden ao berro do
Universo, fusionándose nunha emisión de pulsars que atravesan parsecs en
cuestión de segundos coa meirande cantidade de enerxía existente. Pero o
proceso tórnase irreversible en canto se transfigura a materia en enerxía que
ao existir no plano intedimensional é capaz de ignorar as leis físicas, aínda
que só sexa por uns instantes, suficientes como para completar a viaxe. A
creación do primeiro ser capaz de ascender a dimensións superiores, ignorando
as convencións espacio-temporales, tanto astrofísicas como cuánticas. Este
‘ser’ pregúntase as consecuencias que implica a súa propia existencia. E así
será coñecido como o Buddha por algunhas consciencias, Deus por outras e
recibirá outros moitos nomes.
O nome co que máis se identifica, o Tao, pois dáse conta, como criatura consciente e racional, que o
seu dominio absoluto radica na súa potencialidade. Xa inmune a ambas agullas, o
Tao agarda a que o que se atopa
atrapado entre as catro paredes dimensionais remate por consumirse pola
entropía que crea o seu propio sistema. Entón, cando a auga reborde e a ánfora
xa non este baleira, volverán os heroes de tempos antigos a restablecer a orde
e o pacto entre Ser e Natura, no ciclo eterno da consciencia atrapada en si
mesma e o Universo que non sabe se quere entenderse a si mesmo. O actor
enfrontado a un escenario invisible. O teatro baleiro.
O único certo: o presente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario