19 de set. de 2012

Review

Sabedes, cando estades nese momento onde só esperas que pase, e si puideses rebobinar cara adiante, faríalo. Pero estaríaste perdendo a preparación, a ansia de que chegue esa liberación, ese cambio de paradigma, chámalle voltar á casa, comprar o ítem desexado, chegar ao destino. Agardar polo bus, esperar a que apareza a paisaxe que se quere ver, creo que o concepto queda bastante claro. Pero en que se basea este desexo? Non é un continuo de tentar coller a cenoura colgada da caña, apenas a 10 centímetros dos morros, tentando con cada oscilación. "Pero hai algúns que conseguen collela!" exclaman por aí. Tamén hai xente que morre de diarrea, por se acaso non estabamos falando nos mesmos termos.


En canto a min, levo unha vida acomodada, procuro non perseguir obxectivos a largo prazo. A pesar de todo considero o consumismo como a versión respectable da heroína. O yonki de centro comercial que funciona 10 horas ao día 5 días á semana para poder queimar máis carbón na caldeira materialista. Cada xute deixa a súa marca, en forma de un armario novo a xogo co aparador, o sofá de pel ou incluso outro altofalante para acelerar o proceso. Ikeizados, achegámonos ás tendas como zombis famentos de ofertas, cuspindo sobre calquera decencia sobre a cal presumimos continuamente. Aleccionamos sen coñecer, bebemos do veleno mediático que aperta as neuronas ata facelas pensar que están infladas con algo máis que putas mentiras relatadas por algún monigote coa man do poder acomodada no fondo do seu recto. Estamos gordos, gordos por comer tanto lixo, tanto papel de periódico manchando as mans, nin para limpar o cu vale. Cada x anos rodéannos coas diferentes muecas que é capaz de plasmar o capital nun cartaz e simplemente sóltannos durante un día para que decidamos se queremos fuxir do curral, romper a cadea. E por suposto, sempre imos a comer ao mesmo basieiro que coñecemos dende que mamabamos da teta occidental, corremos cara ela mentres aplastamos calquer opción de disidencia tachándoa de terrorista e perigosa, aplaudindo cada vez que se encerra ao que pide xustiza, cada vez que se condena ao inmigrante a morte, sexa aquí ou no seu propio país. A maior produción capitalista non son as armas (inda que non estou tan certo disto) senón os emigrantes potenciais. Aquel que afogado pola miseria vese obrigado a marchar na procura de algo que nin el sabe moi ben que é, pero é iso ou a morte. Ou así debería ser, segundo o modelo clásico do poder.

Mais pasouse a outro nivel, o de precarizar aos propios do país, xa non se respeta nin o consumo interno, están dispostos a rachar a lona que tapaba a morea de merda que nos venderon e ensinarnos o pastel completo. E cando din que van destruír mil, e saímos á rúa, coas faixas, cos berros e co lume nos ollos, eles din "bon, tranquilos, quitámosvos 500 e quedamos así de amigos, vale?". E o lume apagase. A enorme mangueira do poder conségueo de novo, repetir ata aniquilar calquer atisbo do mal chamado estado do benestar. Estas accións producen unha cefalea de entre leve e mediana intensidade na poboación, pero tranquilo, o remedio é mirar a súa cara, atontada, no espello negro, o reflexo das súas esperanzas e soños vitais plasmado en alta resolución en fronte súa. Polo menos, mentres poida pagalo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario