A través da lúa da
cápsula, Johann podía ver como se ía achegando á Terra. Facía dez anos que non
regresaba, “só é un planeta deserto” pensou, mais lembrandose ao mesmo tempo da
súa estancia alí como soldado. Johann nacera como un marciano de terceira
xeración, na colonia 01-ZEUS, que foi o máis parecido que tivo a un fogar. Neto
de emigrantes alemáns que se mudaran durante a Primeira Gran Fuga, nunca
compartiu a nostalxia que sentían os vellos pola Terra: para el só representaba
morte, desolación e baleiro. Falábanlle dos grandes océanos, dun azul intenso:
el só viu o reflexo grisaceo das nubes radioactivas que cobren a maior parte do
planeta. E cando oe falar da abundancia e diversidade da flora e fauna, só pode
recordar a estrañas criaturas que xa non sabían nin como evolucionar para
sobrevivir nun ambiente tan hostil. Os únicos sitios nos que quedan
asentamentos humanos na Terra son os Polos e a Colonia Transiberiana: Johann
sabía que estaba perdido, aínda que caese nunha das zona habitadas sería
executado ao momento por ser de Marte, e si caía nun sitio inhóspito- ou peor,
nun dos numerosos campos de batalla- íalle ser imposible sobrevivir durante
máis de tres días. Todo isto supoñendo que a entrada na densa e corrupta
atmosfera non esnaquizase a cápsula de escape, deseñada para flotar polo espazo
e non para entrar nunha atmosfera de clase F. Mentres meditaba sobre a súa
desesperada situación, Johann trataba de captar algún improbable sinal polo
comunicador, a pesar do risco de contactar accidentalmente con algunha nave
militar. Nada. Desesperado, prendeu unha obsoleta radio que había a bordo para
emerxencias. Ao principio, só o habitual e monótono zunido do ruído das ondas
de radio con algúns cortes. Johann atopábao relaxante, así que decidiu deixalo
para pasar as súas últimas horas con tranquilidade.